Dende a Asociación Cultural do Barrio de San Pedro levamos meses traballando na organización das Festas do 2023. A edición deste ano será moi especial, imos celebrar o 20 aniversario: 20 anos de moito (poli)amor de barrio, moita troula e moito activismo en favor do lugar que habitamos.
Anotade nas axendas do 28 de xuño ao 2 de xullo: cinco días de circo, teatro, cabezudas, obradoiros, alboradas, música e moito máis.
Seguimos apostando por actividades que cheguen ao maior número de veciñas, de acceso libre e para todos os gustos. Por iso, un ano máis, necesitamos da vosa colaboración para continuar celebrando as Festas que merecemos. Xornadas de reivindicar bailando a importancia de transformar o espazo para priorizar a vida comunitaria.
Descripció del projecte. Característiques, fortaleses i diferencials.
Características:
Facemos as Festas para celebrar que vivimos nun barrio vivo e diverso, cunha programación pensada por e para a veciñanza. Todas as nosas actividades teñen lugar nas rúas, prazas e parques do Barrio de San Pedro; buscando propostas para todos os públicos e gustos. Un dos piares principais que nos une é a crenza no traballo comunitario, onde a veciñanza non sexa unicamente destinataria de proxectos e actividades, senón que dende o punto de partida (dende a análise da situación e necesidades de todo tipo) sexamos protagonistas, cunha voz resultante da suma colectiva.
Obxectivos:
– Desenvolver unha programación comprometida e diversa que implique a un maior e variado número de xente do barrio, de todas as idades, procedencias xeográficas, culturais, etc.
– Realizar actividades que tendan a valorar cuestións propias do barrio e das súas xentes.
– Organizar actos culturais, lúdicos e educativos no contexto das datas escollidas para as festas.
– Favorecer o intercambio de experiencias e información entre o tecido asociativo do barrio.
– Establecer colaboracións co máximo número de entidades e colectivos sociais do barrio.
– Vivir cinco días nos que poidamos compartir, celebrar e bailar.
– Promover tempos e espazos para o encontro, sen masificacións e vivindo en comunidade.
Motivació i a qui va dirigit el projecte
As Festas do Barrio de San Pedro nacen para propiciar máis espazos de encontro e celebración entre a veciñanza. Para facer do noso barrio un lugar máis habitable e de coidados. Pensado para todas as persoas que habitan e comparten o amor polo noso barrio.
Experiència prèvia i equip
A Asociación Cultural Barrio de San Pedro leva vinte anos organizando as Festas e outras moitas actividades culturais. Formada por un equipo de aproximadamente 15 persoas, contamos con máis de 100 voluntarias que colaboran todos os anos na organización das festas e demais propostas enmarcadas no barrio.
Ademais de organizar as festas, realizamos actividades de dinamización cultural, reivindicativas e de lecer. Ao longo destes anos podemos destacar as Feiras da Primavera, a celebración dos Maios, o Festival San Pedro sen Paredes ou os Barrios con Luz Propia. Tamén cooperamos e dinamizamos xunto con outros colectivos e realizamos diversas actividades en colaboración coa Asociación Veciñal A Xuntanza, coma o Día do Barrio, as Cacharelas de San Xoán, o Mercado do Caracol e a elaboración e difusión do Decalógo de boas prácticas para o tramo final do Camiño. Apoiamos a iniciativa San Pedro Emocional, colaboramos coa Casa do Matadoiro e formamos parte do proxecto "Utópicas, arte e territorio", entre outras iniciativas.